A demolición de parte das Galerías Oliva e do edificio superior cambia a fachada de Gutiérrez Mellado

Pontevedra
02 de agosto 2023

A derriba do edificio do número 3 da rúa que comezou a principios de maio chegou ao mes de agosto tan avanzada que o inmoble xa desapareceu totalmente e, no seu lugar, hai un oco de grandes dimensións. Tamén desapareceu para sempre unha parte das Galerías Oliva

Oco que antes ocupaba o edificio de parte das Galerías Oliva en Gutiérrez Mellado
Oco que antes ocupaba o edificio de parte das Galerías Oliva en Gutiérrez Mellado / Mónica Patxot

En apenas tres meses, a rúa Gutiérrez Mellado de Pontevedra cambiou xa para sempre. A derriba do edificio do número 3 da rúa que comezou a principios de maio chegou ao mes de agosto tan avanzada que o inmoble xa desapareceu totalmente e, no seu lugar, hai un oco de grandes dimensións. 

Coa desaparición deste edificio, ademais, desapareceu para sempre unha parte das Galerías Oliva, que xa forman parte da historia de Pontevedra. 

Comerciantes da rúa Gutiérrez Mellado confirman a rapidez coa que este edificio desapareceu totalmente e tamén que desde inicios desta semana a imaxe que presenta a rúa é esta nova, sen este edificio, que deixa ver, ao fondo da parcela agora baleira, o inicio da outra parte das Galerías Oliva, que xa non teñen edificio enriba, senón que simplemente teñen unha cuberta

A demolición deste edificio foi o primeiro paso para facer realidade a operación urbanística que prevé demoler parte das Galerías Oliva e dous edificios en Gutiérrez Mellado e Michelena. O seguinte paso será a demolición do número 11 de Michelena.

O promotor da obra, Hercor Investimentos S. L., contratou como arquitectos directores da demolición a Rogelio Pérez Conde e Antonio Ameijeiras Sánchez, do estudo vigués Espazo B12 Arquitectos. Cíes Atlántico SLU encárgase de coordinar a seguridade destes traballos que executa Obras e Construcións Preda SL.