A Plafaforma en Defensa do Verdugo que se reactivou nas últimas semanas a raíz do proxecto para facer un transvasamento de auga deste río para abastecer o encoro de Eiras, levou este sábado a súa loita ata a propia presa. Un cento de activistas descolgaron unha pancarta xigante nas paredes co lema 'Benvida Xestión da Auga 2018-Salvemos o Verdugo'.
A acción, que conxugou un carácter lúdico e reivindicativo, foi un xeito de saudar a chegada do novo ano e, ao mesmo tempo, demandar un xeito alternativo e máis racional para o uso doméstico da auga procedente dos "ríos vivos".
Os participantes na acción reivindicativa fixeron unha celebración de benvida ao ano 2018 informal, pero dura en canto ás súas demandas, pois defenden a búsqueda de novas alternativas ao transvasamento do río Verdugo como xeito de conservar a biodiversidade que presenta este conflomerado hídrico do que forma parte tamén o Oitavén.
Os participantes improvisaron unha asemblea informativa na que o voceiro da plataforma, Fernando Malvar, explicou aos presentes as últimas xestións realizadas pola plataforma para oporse ao trasvase do río Verdugo e tamén valorou positivamente o feito de que Augas de Galicia non baralle xa a obra como urxente e, polo tanto, non tramite pola vía da emerxencia este proxecto.
Pladever considera este proxecto "un auténtico atentado para o medio ambiente e os ríos vivos galegos" e considera que o feito de que a Xunta de Galicia non vexa esta obra como de urxente execución "nos dá pola vía dos feitos a razón aos que nos opoñemos de xeito radical a este proxecto".
A pesar desa tranquilidade de que se aparte a vía de urxencia, avisan de que "nos van ter moi vixiantes e alerta porque temos a vontade firme de seguir mobilizando á sociedade civil fronte a esta sinrazón auspiciada por Abel Caballero e a Xunta".