A declaración de Interese Turístico para a Festa da Ameixa de Campelo está máis preto

Poio
31 de xaneiro 2024

O pleno municipal de Poio aprobaba este martes 30 de forma unánime a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Campelo. O expediente remitirase para a súa valoración á Axencia de Turismo de Galicia, que terá cinco meses para resolver

XXXV edición da Festa da Ameixa de Campelo
XXXV edición da Festa da Ameixa de Campelo / Mónica Patxot

O pleno municipal de Poio aprobaba este martes 30 de forma unánime a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Campelo. 

Este acordo plenario unirase ao resto do expediente e remitirase para a súa valoración á Axencia de Turismo de Galicia, que terá cinco meses para resolver. Dende o Concello de Poio agardan que a próxima edición da festa xa se celebre coa declaración de Interese Turístico.

A proposta foi defendida no pleno pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que recordou que "pese a sermos un municipio de interese turístico, ata o de agora ningunha festa tivo esta consideración".

Cochón destacou o traballo de investigación realizado polo persoal municipal na elaboración da memoria xustificativa incorporada ao expediente, con máis de 150 páxinas.

A Festa da Ameixa de Campelo, nos seus 35 anos de historia, "transmite os valores da cultura mariñeira e marisqueira da vila de Campelo e representa unha oportunidade enorme para Poio, polo que supón de desestacionalización e sostibilidade turística", afirmaba a edil.

Dende o goberno local insisten no valor de arraigo desta celebración que "está consolidada plenamente como unha festa gastronómica, pero tamén cultural e popular, clave da ría de Pontevedra, grazas ao volume de poboación local, visitantes e turistas que se achegan ata Campelo en cada edición".