Todo un éxito foi a décima edición da Festa do Pan de Millo e Ovo celebrada esta fin de semana en Cerdedo-Cotobade no medio dunha masiva afluencia de vecinos e de visitantes.
No marco desta festa, organizada pola Asociación Cultural Foula no campo da festa de Tenorio, repartíronse máis de mil ovos fritidos con pan de millo desmigado entre os asistentes.
A boa música tradicional galega e o bo humor presidiron toda a celebración na que tamén houbo espazo para o baile e a diversión.
Así, grupos como Mavarallada, Follas de Olivar ou Comando Curuxas e os Cantos de Taberna con Firrás, Chispas do Lérez e Máis Cantos amenizaron a xornada.
Unha feira artesanal e xogos infantís dirixidos por monitores de tempo libre completaron a programación festiva.