A décima edición de Pontedetapas xa está aquí!

Pontevedra
31 de outubro 2017

Pontedetapas está de volta. Máis de medio cento de bares e restaurantes participarán na décima edición deste certame, que se celebrará entre este xoves 2 de novembro e o domingo 19 de novembro. Serán, polo tanto, dezaoito días con tres fins de semana completas, nos que se poderán degustar as propostas gastronómicas da hostalería local

Pontedetapas
Pontedetapas / Mónica Patxot

Pontedetapas está de volta. Máis de medio cento de bares e restaurantes participarán na décima edición deste certame, que se celebrará entre este xoves 2 de novembro e o domingo 19 de novembro. Serán, polo tanto, dezaoito días con tres fins de semana completas, nos que se poderán degustar as propostas gastronómicas da hostalería local.

Un total de 64 elaboracións buscarán o favor do público. En concreto, haberá 35 tapas tradicionais, 23 tapas creativas e 6 cócteles a concurso.

Un ano máis, os organizadores apostaron por manter os prezos de dous euros por tapa e de tres euros por cóctel, coa bebida non incluída.

De cara a elixir os gañadores, haberá un Premio do Xurado que escollerá a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e o mellor cóctel. Será o profesorado do CIFP Carlos Oroza o encargado de probar todas as propostas e facer unha preselección de dez tapas e tres cócteles. 

Entre eses finalistas, un xurado profesional que se desvelará ao final do concurso escollerá ao gañador de cada unha destas modalidades.

Ademais, entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o Premio do Público Tapa Pontevedra. Os cidadáns emitirán os seus votos a razón dun único voto por tapa ou cóctel consumido, durante os días de celebración do evento. Poderán facelo a través dun cupón de votación, en formato papel, ou a través da app Pontedetapas.

A Tapa Pontevedra será a que represente á cidade de Pontevedra na terceira edición de De tapas por Galicia, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da comunidade entre os gañadores dos concursos das sete grandes urbes galegas. Terá tamén como premio desenvolver un showcooking dentro da terceira edición da feira Etiqueta Negra.

Como novidade desta edición, haberá un premio á mellor tapa con conserva de pescado e marisco que patrocina a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Pescados (ANFACO). Os gañadores realizarán un showcooking no stand que a asociación conserveira terá en Madrid Fusión 2018.

Mediante a súa votación, os clientes poderán participar no sorteo de dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio local. Un primeiro premio desenvolverase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O segundo premio outorgarase entre os clientes que voten a través da app.

Ademais, volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garante un regalo seguro (consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso) a aqueles consumidores que o presenten, selado por todos os locais participantes, na Casa da Luz antes do 30 de novembro.