A negativa do Concello de Pontevedra a pagar os seiscentos mil euros que debe á Deputación pola reforma do Estadio de Pasarón ameaza con enturbiar as relacións entre ambas institucións.
O Concello requiriu de xeito reiterado aos técnicos provinciais unha documentación para xustificar este pago, pero segundo o presidente, Rafael Louzán, "cando un non quere pagar, pois andamos a enredar".
"O alcalde máis eu asinamos non seu día as melloras que debía levar Pasarón. En todo caso estou plenamente convencido de que os directores da obra e os técnicos desta casa teñen toda a información ao respecto", sinalou Louzán.
E dito isto o presidente da Deputación lanzou esta mensaxe nos medios de comunicación, "Quérome dirixir ao alcalde: temos cousas importantes para o futuro, e polo tanto se queremos avanzar eu lle propoño a vía do consenso e resolver esas débedas pendentes de maneira consensuada".
E engadiu "Nos nunca puxemos problemas, e neste sentido invito o Concello de Pontevedra para que sexan exixentes con todo o que sexa necesario, pero que falen os técnicos, esta non é unha cuestión política, e unha cuestión dos técnicos, e que por medio hai unha débeda coa Deputación de 600.000 euros".
"Temos cousas importantes para o futuro, e polo tanto, se queremos avanzar, eu lle propoño a vía do consenso", di Louzán
Pronto chegou esta mensaxe ao alcalde, e apenas media hora despois, ambos políticos coincidiron no Gorgullón na inauguración do Centro de día de Alzheimer. Nos seus discursos ambos destacaron as vantaxes do traballo en común das institucións. Ao concluír o acto, Lores e Louzán, fixeron un aparte e de xeito airado o rexedor pediulle "non abramos ningunha fronte".
Pola súa banda Louzán insistiu en que "eu pretendo continuar, estou disposto a que estas boas relacións continúen, esperemos que todo isto vaia polo bo camiño e teña unha pronta solución en moi próximas datas".