A data de inspección do pecio do Villa de Pitanxo fixarase segundo a meteoroloxía

Marín
28 de decembro 2023

Haberá operativo para baixar e inspeccionar o pecio do Villa de Pitanxo, o pesqueiro de Marín que afundiu o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova (Canadá). Será en 2023, aínda que a data concreta aínda non está determinada

Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra / Mónica Patxot

Haberá operativo para baixar e inspeccionar o pecio do Villa de Pitanxo, o pesqueiro de Marín que afundiu o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova (Canadá). Será en 2023, aínda que a data concreta aínda non está determinada.

Así o confirmou o Goberno, en resposta escrita a unha pregunta rexistrada no Congreso polo deputado do BNG, Nestor Rego.

Esta operación, reclamada polas familias para reunir probas que aclaren as causas do naufraxio desenvolverase "tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan", engaden desde o executivo de Pedro Sánchez.

A licitación deste operativo, que se contratará a medios privados, "tramitarase conforme coa lei de contratos do sector público e as operacións terán lugar no ano 2023", segundo recolle a contestación do Goberno ao deputado nacionalista.

Así, tras localizarse os restos do barco, procederase á súa inspección visual mediante un vehículo operado remotamente (coñecido como ROV) dotado de cámaras para examinar distintos aspectos do buque que "poidan resultar de interese para a investigación de seguridade".

A este respecto, o Goberno insiste en que está a disposición "do que indique a CIAIM e os tribunais para avanzar na investigación deste tráxico accidente marítimo".

Xa esta comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos confirmou ás familias dos 21 mariñeiros falecidos que se licitaría as operacións de procura e inspección do buque, despois de meses solicitando ao Estado que así o fixese.