A D.O. Rías Baixas é o terceiro perceptor galego de fondos agrícolas europeos

O Salnés
24 de xuño 2018

A recepción dos fondos agrícolas europeos asóciase habitualmente aos pagos directos que perciben as granxas, pero entre os trinta principais perceptores galegos só aparece unha gandería, precisamente no posto 30, Finca Canedo (Frades, A Coruña), con 172.000 euros

Brinde no Consello Regulador da D.O. Rías Baixas
Brinde no Consello Regulador da D.O. Rías Baixas

O Fondo Español de Garantía Agraria acaba de publicar a listaxe de beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC) no 2017, que encabeza  Proláctea (Quesería Entrepinares), unha firma dedicada á elaboración de soro en po, que percibiu un importe de 2,1 millóns de euros para a execución de instalacións no municipio lucense de Vilalba.

O número 2 da listaxe correspóndelle á cooperativa ourensá Coren, con 1,3 millóns de euros, o terceiro lugar está ocupado polo Consello Regulador D.O. Rías Baixas beneficiaria de 1.164.000 euros.

No quinto lugar destaca a cooperativa cambadesa Adegas Martín Códax con 707.000 euros.

A recepción dos fondos agrícolas europeos asóciase habitualmente aos pagos directos que perciben as granxas, pero entre os trinta principais perceptores galegos só aparece unha gandería, precisamente no posto 30, Finca Canedo (Frades, A Coruña), con 172.000 euros.

Os fondos agrícolas divídense entre fondos Feaga, os correspondentes aos pagos directos ao campo, e os fondos Feader (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rural), que permiten, entre outras cuestións, o financiamento de investimentos para o rural por medio de industrias, empresas forestais ou concellos. É esta liña a que predomina entre os maiores perceptores dos fondos agrícolas europeos en Galicia.