O Lérez Up, o salón de videoxogos e cultura friki de Pontevedra, estreouse con grande éxito. Máis dun milleiro de persoas achegáronse ao Recinto Feiral para gozar da ampla programación que deseñaron os organizadores desta cita, a asociación pontevedresa Gaming Troop.
A cidade do Lérez converteuse no punto de encontro para os amantes dos videoxogos, que atoparon no recinto ata 65 stands diferentes, entre eles numerosos artistas locais e comerciais.
Ademais, habilitáronse ata catorce zonas con actividades de seu onde participan un total de dez entidades galegas diferentes, así como espazo exterior complementario fóra do recinto.
O salón, que continúa este domingo, acolle tamén numerosos torneos de videoxogos, entre eles a proba estatal de Super Smash Bros. Ultimate -o xogo de loita de Nintendo, o máis vendido da historia deste tipo- que contou con máis dun cento de persoas inscritas.
Entre as actividades do Lérez Up houbo tamén un concurso de cosplay, diversas charlas sobre o sector, obradoiros de caligrafía xaponesa, debuxo ou confección de pezas de roupa, concursos e sorteos, xogos de mesa, xincanas ou xogos independentes inspirados en diversos videoxogos.
Para atender aos participantes, no Recinto Feiral instaláronse zonas de descanso, espazos de xogo libre ou diversas foodtrucks, que converten a este salón no evento máis importante sobre cultura friki realizado nunca en Pontevedra.