"A cultura como ben de primeira necesidade" resume a proposta do BNG para reactivar o sector

Pontevedra
07 de xullo 2020

O programa do partido nacionalista galego manifesta unha aposta clara pola cultura galega por ter un gran valor social, sen esquecer a súa dimensión económica. Neste sentido, unha das principais medidas que presentaba Luis Bará, o cabeza de lista por Pontevedra, é a posta en marcha dun Fondo de Fomento da Creación Cultural

Encontro de Luis Bará con representantes do sector cultural
Encontro de Luis Bará con representantes do sector cultural / Mónica Patxot

O cabeza de cartel do BNG en Pontevedra, Luis Bará, presentaba este martes as propostas en materia de cultura do programa nacionalista nun encontro cunha representación das industrias culturais e creadores da cidade do Lérez, ante os que comprometeu "un goberno galego que traballe a favor e abra un tempo novo para poñer fin aos once anos do Partido Popular nos que se desenvolveu un programa de demolición".  

O programa do BNG manifesta unha aposta clara pola cultura galega por ter un gran valor social, sen esquecer a súa dimensión económica. Neste sentido, unha das principais medidas que presentaba Bará é a posta en marcha dun Fondo de Fomento da Creación Cultural, cunha dotación económica vencellada ao Fondo Cultural Galego, previsto no Estatuto de Autonomía e creado mediante unha lei no Parlamento pero que nunca se desenvolveu.

Este proxecto apostará polo fomento da creación cultural, co apoio a eventos culturais con incidencia no territorio galego e a conservación e promoción do patrimonio cultural. "En Galiza o tecido cultural, a cultura de base e os seus sectores profesionais son imparables. A cultura galega pode chegar a todo o mundo con orgullo, calidade, e dignidade", apuntaba Luis Bará.

Outra iniciativa será o desenvolvemento do selo ‘Creatividade Galega’ como unha marca de denominación de orixe de calidade no sector do libro, a música ou as artes plásticas e para o que o cabeza de cartel do BNG avanza unha proposta de orzamento: "prevemos a mobilización de 10 millóns de euros de inicio e de 20 millóns de euros na lexislatura para o apoio á creación, que é o inicio de todo o proceso cultural, e por tanto fundamental para o seu desenvolvemento".

Esta inxección económica dividirase na posta en marcha de tres programas: bolsas para creadores noveis, axudas á creación e ao talento, así como á programación de residencias artísticas, literarias e de intercambio cultural.

Estas actuacións englóbanse na creación dunha Consellería de Cultura desligada doutras competencias, a diferenza da actual Consellería de Cultura e Turismo, cun orzamento que supere o 0,8% que ten actualmente.

Dentro desta consellería incluiríase un novo departamento de cooperación cultural para mellorar a colaboración coas asociacións e coas administracións locais, traballando na promoción e na proxección de iniciativas locais e comarcais como festivais de música e de teatro, literatura ou audiovisual.

Para promover a reactivación económica, Bará citou a posta en marcha do bono cultura para estimular o consumo con campañas de captación de públicos e promoción da cultura galega, apoiados na difusión da televisión e a radio pública. Medidas económicas que abranguerían tamén a creación dunha liña de crédito especial de Agadic e IGAPE para pemes, profesionais e autónomos ou a creación dun Fondo Social Galego e do Estatuto do Artista para ter cobertura social.

O cabeza de lista tamén lanzou propostas concretas para facer fronte á crise provocada pola COVID-19 e as cancelacións das programacións de verán. A primeira das tres medidas que nomeou foi a concesión de axudas directas a autónomos do ámbito da cultura como se aprobaron en practicamente todas as comunidades do estado agás en Galiza, "onde temos un goberno desaparecido e escapista", declaraba.

Tamén sinalou a posibilidade de axudas específicas como as postas en marcha en Cataluña e subliñou a importancia de que as administracións aposten pola cultura de quilómetro cero e de proximidade nun momento tan difícil.

Estas propostas para Bará resúmense na consideración da cultura como ben de primeira necesidade, con medidas concretas como aconteceu en Francia e Alemaña, xa que o sector supón en Galicia un 2,5% do PIB e o 3% do emprego e, polo tanto, "merece un apoio decidido dun goberno que crea e que defenda a cultura galega no noso territorio e tamén a súa proxección internacional", remataba o nacionalista.