A cuberta do centro de saúde do Toural será impermeabilizada antes de final de ano

Vilaboa
25 de agosto 2023

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, acompañado polo subdirector de Recursos Económicos, Antonio Taboada, mantivo este venres no Hospital Provincial unha reunión técnica co alcalde de Vilaboa, César Poza

César Poza, José Flores e Antonio Taboada
César Poza, José Flores e Antonio Taboada / Sergas

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, acompañado polo subdirector de Recursos Económicos, Antonio Taboada, mantivo este venres no Hospital Provincial unha reunión técnica co alcalde de Vilaboa, César Poza.

Neste encontro os responsables sanitarios e municipais analizaron conxuntamente a planificación para acometer antes do final do presente ano obras de mellora, impermeabilización e illamento na cuberta do centro de Atención Primaria do Toural.

A responsables da área sanitaria subliñaron que a iniciativa de impermeabilización proposta "dará unha solución definitiva á estanqueidade dos seus espazos", que abarcan unha superficie de 729 metros cadrados.

César Poza destacou a cordialidade do encontro no que ambas administracións se amosaron dispostas a sufragar conxuntamente os investimentos necesarios para impermeabilizar a cuberta.

Neste sentido César Poza aproveitou o encontro para retomar as conversas sobre a cesión definitiva á Xunta das instalacións sanitarias do Toural xa que o goberno local de Vilaboa entende que son "competencias impropias" os investimentos nesta estrutura.

Os representantes da Consellería emplazaron ao alcalde a futuras reunións sobre ese particular e amosaronse dispostos a colaborar na execución dos traballos necesarios para garantir que a atención sanitaria á veciñanza de Vilaboa se preste en óptimas condicións, no que ao estado das instalacións se refire.