A cuarta edición da festa medieval que se celebra en Poio en homenaxe a Cristóbal Colón xa ten data. Os organizadores do Día de Colón, a Asociación Cultural, Xuvenil e Deportiva Combrus, a Asociación Cultural Vides Novas, a Asociación Xuvenil Cultural Mare Podium e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Poio, logo de varias reunións decidiron que este ano se celebre os días 29 e 30 de xuño.
Malia que cada ano, segundo recoñecen, "é máis difícil levar a cabo este evento", os organizadores esperan ampliar tanto as actividades de xogos medievais, como a animación nas rúas. Actividades todas elas coas que se pretende reivindicar a orixe local do histórico conquistador.
A intención das asociacións organizadoras, é seguir tendo reunións cos hosteleiros de dita localidade, para poder contar co seu apoio e tamén co das diferentes institucións, "xa que nos tempos que corren é moi complicado soportar os gastos" dun calendario de actividades no que se inclúen arqueiros, espadeiros, cetrería, obradoiros demostrativos, música, teatrillos, obras de teatro e bufóns ou malabares.
Ademais de todo o que supón o citado anteriormente, aseguran que tamén "é moi difícil" facer fronte ao importe que se paga a Portos de Galicia para poder levar a cabo a festa na explanada da Praza de Chouza, o que os organizadores consideran unha cantidade elevada para un acto cultural e reivindicativo sobre a teoría do Colón de Poio.