A Cruz Vermella plántase en Barcelos para dar a coñecer a súa labor

Pontevedra
08 de maio 2018

Unha carpa, unha ambulancia e multitude de voluntarios da Cruz Vermella déronse cita o luns 7 de maio na Praza de Barcelos para conmemorar o Día Mundial da Cruz Vermella. Desde as 17:00 ata as 19:00 horas realizáronse actividades para implicar á cidadanía e informala do labor que realiza esta organización

Actividades organizadas pola Cruz Vermella na Plaza de Barcelos para conmemorar o Día Mundial da Cruz Vermella
Actividades organizadas pola Cruz Vermella na Plaza de Barcelos para conmemorar o Día Mundial da Cruz Vermella / Sara López Lago

Pequenos e maiores gozaron a tarde do luns 7 de maio das actividades que organizou a Cruz Vermella Española para conmemorar o seu Día Mundial, celebrado o 8 de maio, este ano baixo o lema "Comprometidos coas persoas e o medio ambiente".

Entre as 17:00 e as 19:30 horas instalouse na Praza de Barcelos unha carpa informativa e organizáronse actividades para todas as idades, co obxectivo de involucrar á xente e informala sobre os labores que desenvolve esta organización.

Tamén contaron coa presenza dun equipo de preventivos terrestres, que mostraron o interior dunha ambulancia e explicaron a todos os curiosos que se ían achegando en que consiste o seu traballo.

Cabe destacar que a actividade realizada por esta organización beneficiou a máis de 42.000 persoas da provincia de Pontevedra en 2017. O seu programa de loita contra a pobreza atendeu a 7.552 persoas mediante o pago de suministros, medicamentos, material escolar e entrega de alimentos, entre outros. Tamén contan cun programa de Acollemento Familiar, unha medida que busca proporcionar un fogar aos nenos e adolescentes que están baixo a tutela da Xunta de Galicia. Actualmente hai 7.000 fogares de acollida en Galicia.

Ademais, o seu plan de intervención social atende a mulleres vítimas de violencia de xénero, a persoas maiores e a persoas discapacitadas. Todo este traballo realizado grazas a un equipo de 2.000 voluntarios que colaboran desinteresadamente e que son o motor da institución, así coma os case 20.000 socios que achegan o seu gran de area.