A crise dos refuxiados en Lesbos chega ao colexio dos Praceres

Pontevedra
14 de marzo 2016

A comunidade educativa do colexio Sagrado Corazón e diversos colectivos sociais de Pontevedra e O Morrazo terán oportunidade de coñecer máis en profundidade a situación dos refuxiados que chegan á illa grega de Lesbos fuxindo da guerra de Siria e de situacións de conflito a través do testemuño de Alfonso Mascuñana Bordas, que colaborou como voluntario na zona

Cartaz da charla de Alfonso Mascuñana Bordas no colexio Sagrado Corazón
Cartaz da charla de Alfonso Mascuñana Bordas no colexio Sagrado Corazón

A comunidade educativa do colexio Sagrado Corazón de Os Praceres, na parroquia de Lourizán, e diversos colectivos sociais de Pontevedra e O Morrazo terán oportunidade de coñecer máis en profundidade a situación dos refuxiados que chegan á illa grega de Lesbos fuxindo da guerra de Siria e de situacións de conflito a través do testemuño de Alfonso Mascuñana Bordas, que colaborou como voluntario na zona

Alfonso Mascuñana Bordas manterá un encontro aberto co público no salón de actos do colexio este mércores 16 de marzo ás 18.00 horas.

Previamente, manterá un encontro cos alumnos da Educación Secundaria Obrigatoria do colexio Sagrado Corazón, que estes días están a traballar en diferentes proxectos sobre o tema. Pola tarde, está convidada toda a comunidade educativa. 

Segundo indican dende o centro educativo, Alfonso Mascuñana Bordas, veciño do barrio coruñés de Palavea, acaba de chegar de Lesbos e contará a súa experiencia, ademais de amosar algunhas imaxes do lungar onde colaborou como voluntario, vivindo en primeira persoa a situación dramática dos refuxiados.

Casado e con 3 fillas, este mestre de Filosofía xubilado e militante en diferentes colectivos a prol dos dereitos das persoas, partiu pola súa conta a Lesbos despois de contactar a través da Internet con colectivos que desenvolven tarefas de axuda na zona. Finalmente a través de Starfish Foudation, logrou o seu obxectivo e a principios do mes de febreiro chegou a Lesbos. Alí "viu o sufrimento de milleiros de refuxiados inmersos nunha escalada da fame e da guerra: familias enteiras intentándose aferrar a única esperanza que teñen neste momento: Europa"

Alfonso xa foi voluntario noutros países como Nicaragua nos anos 80, nun campamento de refuxiados que escapaban da guerra. Alí estivo ano e medio colaborando nas tarefas de educación e alfabetización no medio dunha zona de disputa armada.

Arquivado en