A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este mércores 580 casos activos de covid-19, confirmando que a pandemia segue en expansión. Nas últimas 24 horas confirmáronse 43 novos positivos e un paciente máis acabou no hospital con síntomas graves.
Segundo o balance diario da Consellería de Sanidade, os 580 casos activos son 34 máis que o día anterior tras confirmarse estes 43 positivos e darse o alta a 9 pacientes.
Nesa mesma xornada realizáronse en 24 horas 1.065 probas PCR’ s, que elevan a 253.716 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
Do total de casos activos, 564 son pacientes con síntomas leves ou sen síntomas que se atopan en illamento nos seus domicilios e 16 están hospitalizados, un máis que o martes.
En total, hai cinco pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un menos que o día anterior, e 11 en planta de hospitalización, dúas máis nunha xornada. Hai 8 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 3 no Hospital do Salnés.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 14.265 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 181 pacientes.