A expansión da pandemia segue en aumento na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cun total de 1.394 casos activos este xoves, 143 máis que o día anterior tras confirmarse 160 novos positivos nunha xornada.
A situación é preocupante en toda a área sanitaria, pero este xoves chama a atención especialmente o Concello de Pontevedra. Segundo os datos facilitados polo Sergas á administración local, hai 464 casos activos, 69 máis que o día anterior. O mércores eran 395.
Entre estes positivos constan cinco casos de contaxios en facultativos de Medicina Interna III do Hospital Provincial. Segundo a xerencia do Complexo Hospitalario, estes casos non teñen unha orixe única. A situación obrigou a abrir unha nova zona de ingresos neste centro.
Nos hospitais a situación non mellora, pero este xoves tampouco empeora. Así, hai 38 pacientes hospitalizados, os mesmos que o día anterior, segundo o último balance diario, realizado con datos do seis da tarde do mércores.
Si hai cambios canto á distribución dos enfermos pois hai un máis na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que pasa de dous a tres, e un menos en planta, que pasa de 36 a 35. Son 33 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés.
Ademais dos 38 pacientes hospitalizados, hai outros 1.356 pacientes en corentena no seu domicilio con síntomas leves ou sen síntomas.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 21.613 pacientes (17 na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 211 pacientes.
Nas últimas 24 horas realizáronse 1.113 PCR. Desde o inicio da pandemia realizáronse na área sanitaria 325.889 PCR, 164.942 test de antíxenos e 112.189 probas doutra natureza para detectar o virus.
GALICIA
A nivel autonómico, este xoves Galicia xa pasa dos 10.000 casos activos, 10.204, en concreto. Son 640 máis que o día anterior tras detectarse 1.034 novos positivos nunha xornada.
Nos hospitais galegos hai 256 pacientes, cinco máis nunha xornada. Son 219 en planta (tres máis que o mércores) e 37 en UCI (dúas máis).