A covid-19 enche os hospitais de Pontevedra: hai 39 hospitalizados, seis deles na UCI

Pontevedra
22 de outubro 2020

Se nos últimos días o incremento da incidencia da covid-19 era máis que evidente, ese aumento dos contaxios xa está a provocar unha maior presión asistencial na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Hai xa 39 hospitalizados, segundo recolle o balance realizado este xoves polo Servizo Galego de Saúde

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 22 de outubro
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 22 de outubro / Servizo Galego de Saúde

Se nos últimos días o incremento da incidencia da covid-19 era máis que evidente, ese aumento dos contaxios xa está a provocar unha maior presión asistencial na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Hai xa 39 hospitalizados, segundo recolle o balance realizado este xoves polo Servizo Galego de Saúde.

Son nove máis que onte, recoñece Sanidade. Os que se atopan en estado máis grave son seis pacientes que están ingresados na UCI de Montecelo. Ata este mércores había cinco persoas con covid-19 nesta unidade de coidados críticos. 

Os outros 33 -oito máis que onte- están a ser atendidos en planta, 26 en Montecelo, seis no Hospital do Salnés e un no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

O resto dos que contraeron o virus, outras 525 persoas, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Con estes datos, o número total de casos activos en Pontevedra e O Salnés elevouse ata os 564, 26 máis que ata o de agora. Os contaxios detectados nas últimas 24 horas foron 54, dos cales 50 foron confirmados por PCR.

Desde o inicio da pandemia 2.221 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 28 máis desde onte, e rexistráronse 26 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 56.326, 782 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 38.871 seroloxías realizadas ata a data.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.675, 218 máis que o día anterior. Deles 911 son da área da Coruña, 542 da de Lugo, 1.489 da de Ourense, 538 da de Pontevedra, 995 da área de Vigo, 891 da de Santiago e 283 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 47 están en UCI, 317 en unidades de hospitalización e 5.311 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 24.225 persoas curadas, rexistrándose 847 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 609.516 probas PCR e 391.246 probas serolóxicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 461 infectados.