A covid-19 dispárase no Grove con 30 casos activos e leva a organizar un cribado

O Salnés
24 de novembro 2021

O cribado voluntario terá lugar na Casa da Terceira Idade de O Corgo durante o sábado 27 e o domingo 28 de novembro, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas. Vaise convocar, vía SMS, á poboación grovense de 60 a 79 anos de idade, colectivo que neste Concello acada as 2.260 persoas

Punto de cribado con probas PCR
Punto de cribado con probas PCR / Mónica Patxot

O Servizo Galego de Saúde organizará durante a fin de semana un cribado poboación no Concello do Grove co obxectivo de detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus nesta localidade.

Este mércores, segundo os datos facilitados polo Concello, hai 30 casos activos, cifra que levou á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a organizar un cribado con PCR.

O cribado voluntario terá lugar na Casa da Terceira Idade de O Corgo durante o sábado 27 e o domingo 28 de novembro, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.

Vaise convocar, vía SMS, á poboación grovense de 60 a 79 anos de idade, colectivo que neste Concello acada as 2.260 persoas.

Para levar a cabo este cribado, a administración sanitaria pública galega conta con dous equipos de enfermaría en cada quenda, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, recollida das mostras e información aos usuarios que o precisen.

Os resultados negativos serán comunicados por SMS e os positivos contactando directamente vía telefónica con cada persoa. 

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera á poboación grovense a importancia de acudir ás citacións para estes cribados, á vez que insiste no mantemento das medidas de protección xa coñecidas -uso de máscara, hixiene de mans e distancia de seguridade-.