A covid-19 azouta á Escola Naval cun gromo de máis de medio cento de afectados

Marín
28 de xaneiro 2021

Os primeiros positivos xurdiron por mor dun cribado preventivo que se realizou tras o regreso do persoal á escola despois dos seus respectivos permisos do Nadal. Por mor de aí fóronse detectando novos contaxiados cada día, a un ritmo "de entre 6 e 8 cada día" ata superar o medio centenar

Escuela Naval Militar de Marín
Escuela Naval Militar de Marín / PontevedraViva

Polo menos medio centenar de alumnos da Escola Naval de Marín víronse afectados por un brote de covid-19 que se rexistrou nas instalacións militares. 

Fontes consultadas por PontevedraViva explican que esta situación detectouse o pasado 18 de xaneiro. Os primeiros positivos xurdiron por mor dun cribado preventivo que se realizou tras o regreso do persoal á escola despois dos seus respectivos permisos do Nadal.

Por mor de aí fóronse detectando novos contaxiados cada día, a un ritmo "de entre 6 e 8 cada día" ata superar o medio centenar. Segundo outras fontes, superarían mesmo os 60.

Todos eles son asintomáticos ou presentan síntomas moi leves da enfermidade.

Tras detectar o brote, os responsables da Escola Naval activaron o seu protocolo interno e, ademais de realizar probas de antíxenos ao persoal, illaron nas súas habitacións tanto aos positivos como aos seus contactos estreitos.

Do seu tratamento e supervisión encárganse os propios servizos médicos do centro castrense, en coordinación coas autoridades sanitarias de Galicia.

Estes contaxios, aclaran desde o Concello de Marín, non se reflicten no número de casos activos do municipio, que chegaron a 109 este xoves.

Isto é debido, segundo a alcaldesa María Ramallo, a que os afectados non teñen como referencia o centro de saúde da localidade e teñen o seu propio médico de cabeceira.

Ademais, Ramallo apunta que a escola ten un protocolo "estrito", que lles obriga á realización periódica de test de antígenos ao alumnado e que lles impide saír da escola salvo que teñan que realizar trámites esenciais.

Para poder saír do centro, engade a alcaldesa, os alumnos teñen que pasar dúas probas de antíxenos negativos, polo que "están controladísimos".