A Corrida do Galo e un festival de disfraces, apostas de Barro para celebrar o entroido

Barro
21 de febreiro 2017

A recuperación da tradicional Corrida do Galo será o eixe sobre o que pivotará o entroido de Barro. Así o anunciou este martes o Concello, que marca o inicio da festa para este próximo domingo 26 de febreiro

Corrida do Galo no CEIP Amor Ruibal de Barro
Corrida do Galo no CEIP Amor Ruibal de Barro / Concello de Barro

A recuperación da tradicional Corrida do Galo será o eixe sobre o que pivotará o entroido de Barro. Así o anunciou este martes o Concello, que marca o inicio da festa para este próximo domingo 26 de febreiro.

A partir das cinco e media da tarde, celebrarase esta Corrida do Galo en todas as parroquias do municipio, organizada conxuntamente coas comunidades de montes de Curro, Agudelo e Valiñas, os bares O Breixo e Don Pulpo e a asociación Peñaflor.

O sábado 4 de marzo, a partir das 18:00 horas, terá lugar a final da Corrida do Galo cos gañadores de todas as parroquias.

Co obxectivo de que os nenos do Concello coñecesen ese xogo tradicional típico do Entroido, antes desta data, celebráronse no CEIP Amor Ruibal durante a pasada semana xornadas de demostración entre o alumnado de Primaria. 

O mesmo domingo día 26, a partir das sete da tarde, terá lugar un baile de entroido no Centro Cívico, organizado en colaboración coa asociación Peñaflor. 

Con todo, o día grande da programación do entroido en Barro será o sábado 4 de marzo coa celebración do Festival de Entroido no pavillón de deportes. 

No festival haberá premios para os tres mellores disfraces de cada categoría (individual, parella e grupo) tanto no baile infantil como no baile para adultos.

O baile infantil (de 7 a 14 anos) dará comezo ás 19:00 horas e o de adultos (maiores de 14 anos) comezará ás dez da noite.

Arquivado en