Os portavoces da corporación municipal de Marín reuníronse de forma telemática este mércores para facer balance das medidas adoptadas para facer fronte á pandemia do coronavirus. A alcaldesa María Ramallo, informou os portavoces do PP, PSOE e BNG, Manuel Santos, Manuel Pazos e Lucía Santos; sobre o funcionamento dos servizos públicos, a implantación do teletraballo e a limpeza e desinfección das rúas do municipio.
Outro dos asuntos tratados na xunta centrouse na coordinación do Concello coa Policía Nacional e Local, cuxas persoais están a traballar practicamente ao 100% "realizando o importante labor de garantir o cumprimento do estado de alarma", destaca a rexedora. Ademais, efectivos da Brilat e da UME procederon á deinfección da residencia da terceira idade.
No aspecto económico, o goberno local informou da paralización do prazo de tributos municipais e da devolución de taxas de servizos que non se están prestando como o mercado, as terrazas ou a recollida de residuos. Ademais, o pago a provedores está a axilizarse "o máximo posible", asegura Ramallo.
Con vistas ao futuro e despois de poñer en coñecemento dos portavoces que todos os traballadores do municipio dispoñen de todos os materiais de seguridade para realizar o seu labor, os portavoces falaron sobre novas iniciativas de carácter social a implantar para atender ás familias máis vulnerables. Neste sentido, lembraron que o CIM segue prestando servizo ao considerarse unha atención esencial.