A corporación de Portas colga pancartas para protestar contra o peche da oficina de Abanca

Umia
01 de setembro 2021

O decálogo aprobado polo pleno extraordinario será remitido polas canles oficiais á Xunta, Goberno central e Banco de España

Pancarta en protesta contra o peche da ofina de Abanca en Portas
Pancarta en protesta contra o peche da ofina de Abanca en Portas / Concello de Portas

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e os voceiros dos grupos municipais do PPdeG, VUP, BNG e PSdeG-PSOE penduraron este mércores unha pancarta diante do Concello, así como noutros lugares estratéxicos do municipio, en protesta polo anunciado peche de Abanca da única oficina que presta servizos bancarios no concello.

Por outra banda, o rexedor xa deu orden de enviar os acordos plenarios adoptados por unanimidade e o decálogo reivindicativo tanto á dirección de Abanca como á Xunta de Galicia, Goberno central e Banco de España co fin de que teñan coñecemento do proceder unilateral e inxustificado da entidade solicitándolles amparo ante unha situación que consideran un atentado contra os dereitos dos veciños e veciñas de Portas.

Asemade, os voceiros municipais aprobaron esta mañá o contido da carta que a corporación municipal de Portas decidiu enviar a Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, para explicarlle as graves consecuencias dos peches de oficinas.

"Sumirá ao noso concello nunha situación sen precedentes nos últimos anos xa que privará a clientes particulares e empresas de dispoñer da ferramenta crediticia que desde sempre nos acompañou nos bos e nos malos momentos compartindo esforzos por construír un país máis próspero a través do acceso igualitario aos mesmos servizos que calquera outro cidadán residente en Galicia", recolle a carta.

Ademais, inciden en que "a fenda tecnolóxica e a imposibilidade de contar cunha rede de transporte axeitada farán que esta decisión inxustificada provoque un desequilibrio e un custe social moi importante nun municipio rural como o noso, que verá detido o seu avance consolidado dos últimos tempos". A carta recrimina tamén a Juan Carlos Escotet e á dirección de Abanca a “deslealdade” coa Galicia rural en xeral e con Portas en particular.

Finalmente, a corporación municipal de Portas ínsta a Juan Carlos Escotet e á dirección de Abanca a reconsiderar a súa decisión e que non leven a efecto o peche da súa oficina o vindeiro 22 de setembro.