O pleno ordinario de agosto no Concello de Poio aprobou por unanimidade dos grupos as actuacións municipais que se contemplan no Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra.
Isto supón un investimento entre Augas de Galicia e o Concello de algo máis de 4 millóns de euros que se destinarán a mellorar o saneamento na Seca e o porto de Campelo.
"Aínda que estes investimentos poden pasar desapercibidos, o certo é que son fundamentais para avanzar no saneamento, e por tanto, para nós son absolutamente prioritarios" expuxo o alcalde Ángel Moldes, engadindo que son actuacións importantes "para protexer o medio ambiente e para o sector do mar do que viven centos de mariscadores, bateeiros e mariñeiros de Poio. Por iso estas actuacións tamén repercutirán de forma directa no seu futuro".
Construirase un novo bombeo e un depósito de retención na Seca e mellorará a estación de bombeo de augas residuais do porto de Campelo e Miradoiro. Tamén adecuarase o bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.
O acordo con Augas de Galicia detalla as cantidades e anualidades que achegará a administración local. O organismo autonómico asume o 90% do importe total con fondos europeos. O Concello achegará 63.519 euros en 2025, ao ano seguinte 269.561 euros e na última anualidade de 2027 serán 69.675 euros.
Na sesión plenaria, ademais deste importante acordo, aprobáronse os festivos locais en Poio para o próximo ano. Así, serán festivos o 24 de xuño, día de San Xoán e o 24 de setembro, día da Mercé.