A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 4 de marzo, a sesión plenaria ordinaria, na que se aprobou por unanimidade unha moción polo Día Internacional das Mulleres que se conmemora o próximo 8 de marzo.
A proposta, presentada polos grupos do goberno (BNG e PSOE), incide no "compromiso firme de levar a cabo todas e cantas accións estean nas competencias municipais para acadar a igualdade efectiva e real", como poden ser as relacionadas co empoderamento feminino e a educación. Así mesmo, tamén acorda seguir avanzando na incorporación da perspectiva de xénero en toda a actividade local e establecer unha coordinación adecuada entre as diversas áreas do goberno local.
Este foi o único asunto no que a corporación se mostrou unánime no seu conxunto.
Outro dos asuntos de debate foi arredor da moción presentada polo PP sobre a colaboración coa Asociación Protectora de Animais do Morrazo. Nela instábase ao goberno local a aboar os cartos pendentes á Protectora, así como a asinar un novo convenio de colaboración coa asociación, establecendo o pago dunha cota municipal dun euro por habitante, pagadeira nun 80% a comezos de ano e nun 20% a finais.
Por último, saíu adiante, cos votos dos grupos do goberno e a abstención do PP, o Plan Normativo para o 2024, no que se recolle a previsión de actualizar a ordenanza de protección contra ruídos e vibracións, e a do uso e desfrute das praias; mentres que como nova normativa atópanse a ordenanza do estacionamento e pernoita de caravanas e autocaravanas, a da xestión de uso da piscina municipal, a de tráfico, circulación e mobilidade, e a de limpeza e ornato público.