A corentena ameaza con mandar á quebra autónomos de diversos sectores en Pontevedra

Pontevedra
17 de marzo 2020

Os empresarios alertan que deixarán de ingresar miles de euros só no mes de marzo e temen non ser capaces de afrontar as súas obrigacións sen medidas protectoras do Goberno

Traballadoras do centro médico estétitco Kissbody Center afectadas pola corentena
Traballadoras do centro médico estétitco Kissbody Center afectadas pola corentena /

A corentena para a prevención da expansión do coronavirus afecta a toda a sociedade. Moitos son os que se manteñen confinados nos seus domicilios desde o venres, sen poder saír á rúa e sen poder exercer a súa actividade. Entre eles, os autónomos que asisten con desesperación a un illamento que pode acabar cos seus negocios. "Non imos ingresar nin unha cuarta parte do previsto, se isto se prolonga acabaremos na quebra", asegura Carlos Otero, propietario dunha empresa de recambios para talleres. O seu medo non é infundado, o comparten traballadores por conta propia de diversos sectores da economía pontevedresa como a psicoloxía, a medicina estética, a fotografía ou a actividade deportiva.

Á caída en picado dos ingresos únese o mantemento dos gastos. "Ou se suspende todo tipo de pagos, ou haberá peches", asegura Luís Lalín, propietario de Crossfit Pontevedra, quen enumera pagos a bancos, de aluguer, de autónomos, de persoal ou de compensación a clientes que contrastan coa desaparición de todos os ingresos. "No mellor dos casos van ser dous meses a cero, pero se se alonga un mes máis, imos á quebra", sostén con preocupación o empresario, ao que a máis dun colega do mesmo ámbito xa non queda outra saída que a liquidación.

Diante deste panorama, a petición deste sector produtivo é clara: suprimir a cota mensual e mecanismos para sobrevivir aos inxentes gastos fixos que teñen que afrontar cada mes. "Queremos solucións reais e inmediatas, non sabemos cando imos ingresar de novo e que vai pasar coa cota. Polo menos que a anulen ata mentres dure o Estado de Alarma", reclama a fotógrafa Andrea Area, quen viu como a suspensión do Salón do Libro para a que estaba contratada foi un dos múltiples eventos que caeron de axenda. "Atrasar o pago do trimestre do IVE ou abonar só a metade", propón Otero tamén como compensación.

Uns prexuízos que se unen ás penurias estruturais que arrastran historicamente estes traballadores. "Necesitamos máis protección social, se collo o coronavirus, os seguros non cobren pandemias. Non é casualidade iso que se di de que os autónomos nunca nos poñemos enfermos", subliña o psicólogo deportivo Iago Roel.

A situación é aínda máis grave para aquelas pequenas empresas que teñen traballadores asalariados. "Estamos á espera desas medidas previstas polo Goberno, pero a maioría dos empresarios ou optaron por ERTE (expediente temporal de regulación de emprego) porque quice días sen ingresos, tendo que facer fronte a gastos de aluguer, nóminas e provedores é insalvable", asegura Elisabeth Ferrín, propietaria do centro médico estético Kissbody Center, unha saída á que tamén se ve abocado o dono de Crossfit Pontevedra.

Os autónomos senten desamparados polo Goberno. "Deixan ao noso criterio a decisión do futuro de moitas familias. É un Estado de Alarma, o mínimo que pedimos é información sobre se nos van a axudar declarando os contratos de traballadores como baixas ou suspendendo as obrigacións de cotización mentres esta situación non se aclare", esixe a empresaria.

Outro temor que se está expandindo como o virus entre a clase traballadora é que a corentena non vai durar só quince días. "O mellor escenario que manexamos é abrir o 15 de abril", expón Lalín. Pero se a situación non mellora, "seguimos pechados ou volvemos á normalidade, que será cando se produza o maior pico de contagios?", pregúntase Ferrín.

A propietaria deste centro médico estético no que traballan catro técnicos e un médico admite que senten "ansiosas por ver esas medidas que podamos tomar, se nos facilitan financiamento non haberá despedimentos, se non, iremos á quebra", asume alegando os preto de 12.000 euros mensuais que debe afrontar como gastos fixos. "Imaxina aguantar así dous ou tres meses, non creo haxa quen o resista", sostén.

No box de crossfit, no que traballan tres asalariados e os gastos mensuais roldan os 10.000 euros, a situación non é máis halagüeña. "Tomamos medidas preventivas antes que o Goberno e agora sentímonos desamparados", critica Luís Lalín, quen admite dispoñer de remanente para afrontar "un mes malo, pero non a cero".

No caso do psicólogo deportivo Iago Roel, a afección é dobre. Por unha banda viu como múltiples eventos deportivos para os que estaba contratado víronse cancelados, e na clínica ON Fisioterapia, da que é socio, tamén tivo que pechar e cancelar innumerables citas. "Canceláronme concentracións, charlas, cursos, tamén traballo co CGTD que está pechado e non sabemos cando volverá abrir", enumera a longa lista de cobranzas que están a desaparecer das súas contas. E no ámbito empresarial, están pendentes das medidas do Goberno. "Somos un centro sanitario e igual temos que cedelo se é necesario", engade.

A incerteza é o que máis está a afectar a estes traballadores. "Eu tiña que estar a traballar no Salón do Libro ata o día 27, non se se imos cobrar aínda. Tiña eventos culturais, institucionais ou vodas que non se sabe se se van a facer e tamén nos cancelaron un birlo en Lalín" relata Andrea Area, que compaxina o seu traballo como fotógrafa con outra das súas grandes paixóns: a música a través do seu grupo The Gypsy Souls. "Teño aforros, pero pagando autónomos e sen ingresos chegaranme ata verán como moito", lamenta.

Na mesma situación de abafo atópase o transportista Carlos Otero, que a pesar de que pode manter a súa actividade viu como a maior parte dos seus encargos desapareceron. "Eu podo seguir traballando tomando precaucións de levar luvas e máscara, pero a maioría dos talleres están pechados. Como moito podo aguantar quince días, se isto segue así terei que darme de baixa", asume con tristeza un camiño cara ao que o coronavirus e a corentena están a empuxar a moitos traballadores.