O edificio do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra iluminarase de verde durante a noite deste domingo 1 de outubro, con motivo da celebración do Día Nacional da Artrite. Con este acto simbólico, o goberno da institución provincial quere dar visibilidadad e solidarizarse con todas aquelas persoas que padecen algún tipo de doenza relacionada coa artrite, desde a reumatoide á psoriásica pasando pola idiopática xuvenil e espondiloartrite.
A presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que se detectan ao redor de 1.000 novos casos de artrites cada ano na provincia e xa son máis de 7.000 persoas as que se atopan diagnósticadas desta enfermidade en Pontevedra. Trátase dunha doenza que afecta sobre todo a mulleres, que representan ao redor do 70% de todos os casos.
Coa iluminación simbólica, a Deputación únese a unha das iniciativas que se desenvolven ao longo de todo o territorio estatal baixo o paraugas da Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis), dentro da campaña "Outubro, mes da atrite e a espondiloartrite", que leva como lema "Contigo imos todas e todos". Tamén se están desenvolvendo a cabo xornadas sobre esta enfermidade como a que terá lugar en Vigo o próximo 21 de outubro.