A conversión do antigo centro médico de Carballedo en catro casas de protección oficial xa é unha realidade

Cerdedo-Cotobade
28 de setembro 2021

Xunta, Deputación e Concello inauguraron este martes unha obra que supuxo un investimento superior aos 370.000 euros

Inauguración das vivendas de protección autonómica do antigo centro médico de Carballedo
Inauguración das vivendas de protección autonómica do antigo centro médico de Carballedo / Xunta de Galicia

O proxecto para converter en vivendas de protección autonómica o antigo centro médico de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, tivo este martes a súa inauguración oficial coa visita de representantes do Concello, Xunta e Deputación que, son os seus investimentos, fixeron posible esta obra valorada en 370.000 euros.

Impulsado polo Concello de Cerdedo-Cotobade, o plan permitiu rehabilitar un edificio de máis dun século de antigüidade, que antes de centro de saúde foi unha escola e tamén un almacén, nun complexo residencial. “Dende a Xunta de Galicia cremos que a actuación promovida en Cerdedo-Cotobade é impecable dende o punto de vista técnico e encaixa á perfección na filosofia da Xunta de apostar polas rehabilitacións e a recuperación do patrimonio arquitectónico co obxectivo de darlle unha nova vida e utilidade ao tempo que se respecta a súa fisonomía orixinal”, explicou Luís López, delegado territorial da Xunta, que investiu nesta obra 192.000 euros a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

O resto, 231.000 euros, achegounos a Deputación a través do Plan Concellos.

A rehabilitación do antigo centro médico consistiu na preparación de dúas casas de 130 metros cadrados na planta baixa e outras dúas, de 72 metros cadrados cada unha, no primeiro piso. Todas elas contan con acceso independente a través do prche interior e están equipadas con todos os servizos.