A contratación a reforma da rúa Santiña e a instalación de cámaras de tráfico e medidores ambientais

Pontevedra
22 de setembro 2023

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou o expediente de contratación dos dous proxectos financiados con fondos europeos relacionados coa implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE) que son: a reforma da rúa Santiña e a instalación de cámaras de tráfico e medidores ambientais de calidade do aire  

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / PontevedraViva

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou o expediente de contratación dos dous proxectos financiados con fondos europeos relacionados coa implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE) que son: a reforma da rúa Santiña e a instalación de cámaras de tráfico e medidores ambientais de calidade do aire.

Segundo informou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o 24 de xuño deste ano o Ministerio de Transportes confirmou a concesión a Pontevedra de 2.767.054 euros procedentes dos fondos Next Generation.

Na concesión detállase que estas axudas deben estar xustificadas, e por tanto as obras executadas o 31 de decembro de 2024.

O proxecto da rúa Santiña ten un orzamento total de 2.159.850 euros, dos que Europa achega 1.606.500 euros. 

Doutra banda, estaría o proxecto relacionado coa dixitalización e control da mobilidade, a través da instalación de cámaras, medidores de contaminación e de fluxos de tráfico "para poder logo tomar decisións con respecto da redución de tráficos". Este proxecto ten un orzamento de 1.524.000 euros, dos cales serán subvencionados 1.160.554 euros. 

A reforma da rúa A Santiña completará o acondicionamento de todo o Camiño Portugués a Santiago ao seu paso polo centro urbano da cidade. A intervención está pensada en dous tramos: o primeiro é máis urbano e localízase entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade e o segundo ten un carácter máis rural e chega ata o cruzamento coa rúa da Gándara.