A conta solidaria aberta en Ponte Caldelas tras os incendios recadou 16.000 euros

Ponte Caldelas
03 de febreiro 2018

Esta cantidade será repartida entre os afectados en función do que estableza unha comisión formada para ese efecto e que non terá presenza política

Gala a prol dos damnificados polos incendios
Gala a prol dos damnificados polos incendios / Concello de Ponte Caldelas

A falta de só uns días para que peche a conta solidaria habilitada en Ponte Caldelas a beneficio de Cáritas tras os incendios forestais do pasado mes de outubro, a iniciativa recadou 16.380,25 euros.

Así o desvelou o Concello de Ponte Caldelas, impulsor da proposta coa que se pretende axudar ás persoas que resultaron afectadas.

Agora será unha comisión, creada para ese efecto e sen presenza política, a que estableza como efectuar a repartición. Esta comisión estará encabezada polo presidente de Cáritas e contará co administrador desta organización, a arquitecta municipal e persoal dos servizos sociais.

Nos próximos días elaborarase un baremo de puntuación no que se terá en conta a situación social, o importe dos danos e tamén as circunstancias humanas dos solicitantes. Barállase a idea, sempre que sexa posible, de repoñer os bens danados, evitando a repartición directa de diñeiro, explicou o goberno local.

En relación aos incendios, o Concello revelou ademais que 113 persoas e colectivos pasaron por dependencias municipais para acollerse ás axudas da Xunta de Galicia para os damnificados polos incendios, aínda que menos dunha vintena chegaron a presentar unha solicitude formal debido ao complicado dunha convocatoria "pensada para que os interesados acabaran desistindo", asegura o alcalde, Andrés Díaz.