Mentres en casas e comercios se apuran os últimos días de preparación dos disfraces que poñerán cor e diversión ao Entroido pontevedrés, as rúas da cidade tamén empezan a vestirse de gala. A conta atrás empezou e este luns a empresa contratada polo Concello para iluminar a localidade nas épocas festivas comezou a instalar as luces con motivos 'carnavalescos' como, por exemplo, chapeus de bruxas.
Os operarios de Iluminacións Umia continuarán durante toda a semana co obxectivo de que todo estea listo cando empece a programación. Este venres 18 haberá un anticipo das actividades do Entroido con pasacalles de Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa).
A partir do venres 24 iniciaranse as festas con degustación de filloas e a lectura do pregón a cargo de pregoeiros, que aínda permanecen en segredo, na praza da Ferrería. Trasládase, por tanto, do seu escenario habitual, a praza da Verdura, que quedara como un lugar "incómodo" debido ás súas pequenas dimensións. Esa mesma xornada, tamén se desenvolverá unha noite de Cantos de Taberna de Entroido.
O sábado 25 terá lugar o desfile a partir das 16.00 horas se as condicións metereológicas permíteno. O luns 27 descubrirase de que se disfraza este ano Ravachol; o martes 28 terá lugar a Noite Pirata; a corrida da Rosca será o mércores; a final das murgas chegará o xoves; o venres, a Parodia sairá á rúa e o sábado 4 concluirá o Entroido pontevedrés co enterro do Ravachol.