Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade, participa este mércores 17 de maio nunha mesa de debate que se celebrará en Madrid baixo o título 'A mobilidade como motor social', na Fundación Pons.
Este encontro está organizado pola compañía especializada en proxectos de consultoría para o desenvolvemento da innovación en mobilidade Pons Mobility, en representación do Círculo para a Descarbonización Neutral In Motion, no que se integran as principais federacións e asociacións de automoción do Estado, segundo indica o goberno local.
Persoas relacionadas coa mobilidade procedentes de Madrid, Burgos, Palencia, Valencia e Pontevedra debaterán sobre as medidas que se deben abordar para facer fronte á descarbonización e á nova circulación polas cidades.
O Concello de Pontevedra achegará as medidas adoptadas no modelo de cidade que o goberno local leva anos desenvolvendo en Pontevedra coa redución do tráfico rodado a través de medidas de peonalización. Entre outros temas, tratarase a participación cidadá nestas medidas.