As consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Mar da Xunta de Galicia anunciaron este venres ás confrarías da Ría de Pontevedra e aos concellos de Poio, Marín e Pontevedra que a construción do emisario submarino da ría será "prioridade número un" dentro do plan de saneamento pontevedrés, o que significa que as actuacións previas comezarán de inmediato.
As conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Beatriz Mato e Rosa Quintana, trasladaron este anuncio no transcurso dunha reunión na delegación da Xunta en Pontevedra e precisaron que este mesmo ano se realizará o estudo de alternativas e iniciarase a redacción do anteproxecto. De xeito máis inmediato, no mes de agosto, está previsto realizar a batimetría para comprobar cal sería o emprazamento máis axeitado do novo emisario, así como o estudo previo do trazado e os puntos de verteduras, pero os datos concretos dependen dos técnicos.
O emisario submarino é unha das tres propostas que as conselleiras puxeron sobre a mesa na reunión para continuar impulsando o saneamento da ría de Pontevedra, pero o seu plan tamén pasa por outras dúas medidas: axilizar a construción da depuradora de Poio e a posta en marcha de xeito inmediato dunha solución provisional que dea resposta ás verteduras da zona coñecida como Cocheras, na parroquia pontevedresa de Lourizán. Na súa opinión, o "camiño a seguir" é apostar "pola eficiencia e o diálogo con todos os actores implicados".
En relación coas verteduras en Cocheras, Beatriz Mato explicou que obxectivo é "reducir canto antes os alivios que se producen nun núcleo urbano e moi preto dun banco marisqueiro" de Os Praceres. Augas de Galicia instalará unha comporta móbil no aliviadoiro para diminuír eses alivios mentres a construtora e o concello non achegan a solución definitiva, posto que se trata da rede municipal. Ademais, tamén se optimizará o funcionamento do bombeo de Poio para conseguir un fluxo de caudal máis homoxéneo que minimice a posibilidade de que se produzan os alivios en tempo seco.
Neste punto, a conselleira manifestou a súa decepción pola ausencia de representación política do Concello de Pontevedra na reunión, pois estaban os alcaldes de Poio e Marín, Nito Sobral e María Ramallo, e de Pontevedra estaba o enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, pero ningún cargo político, pois todos os concelleiros e alcaldes estaban no pleno da corporación que se estaba a celebrar nese mesmo momento.
"Lamento profundamente que non estea o concello e o compromiso do Concello de Pontevedra nesta segunda xuntanza porque ten moito que decir e moito que facer no saneamento da ría", indicou a conselleira de Medio Ambiente, que recordou que esta segunda xuntanza está convocada dende o 10 de maio e estaban "bloqueadas as axendas de dúas conselleiras", mentres que o Pleno puido convocarse outro día.
En relación coa depuradora de Poio, a Xunta solicitou ao concello axilidade na toma de decisión para a ubicación da instalación, dado que neste momento existen tres posibilidades viables tecnicamente, unha en Samieira, outra en Monte Covelo e a terceira en Sanxenxo. O goberno galego quere axilizar o máximo posible a construción da nova EDAR do municipio, dado que é unha peza importante no saneamento da ría, pero a decisión definitiva depende depende do Concello de Poio, pois, entre outras cousas, deberá asumir o mantemento da nova infraestrutura e a de Monte Covelo será moito máis cara.