A construción da rotonda da Perla anticipa a recta final do bulevar de Portonovo

Sanxenxo
20 de maio 2024

A actuación estará totalmente concluída no mes de xuño co mobiliario e o axardinamento, segundo as previsións que manexa o goberno municipal

Obras de construción do bulevar de Portonovo
Obras de construción do bulevar de Portonovo / Concello de Sanxenxo

A obra do bulevar de Portonovo encara a súa fase final. Farao, a partir desta mesma semana, coa construción da rotonda da Perla.

A actuación estará totalmente concluída no mes de xuño co mobiliario e o axardinamento, segundo as previsións que manexa o goberno municipal.

Nos últimos días executouse a glorieta rebasable na confluencia de Travesía Areal e a Rúa Benitiño, púxose en funcionamento a iluminación e procedeuse ao asfaltado de dous tramos.

O deseño tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais.

O proxecto de reforma da estrada da Lanzada ascende a 2,3 millóns de euros. O seu financiamento lévase a cabo cun acordo coa Consellería de Infraestruturas, que asume o 70% do custo, mentres que o resto achégao o Concello de Sanxenxo.

A actuación supón unha mellora do corazón comercial de Portonovo. Céntrase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos.