O deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitaron este luns as obras de construción dunha nova pista polideportiva cuberta no CEIP Nantes.
Trátase dunha obra financiada a través do Plan Concellos 2017, cun investimento total da Deputación de 253.131,76 euros. Os traballos comezaron fai unhas semanas e prevese que estean finalizados antes de que remate o ano, polo que o novo espazo xa estaría dispoñible para a volta das vacacións escolares de Nadal.
O centro educativo xa tiña outra pista polideportiva exterior, pero á intemperie e moi deteriorada. De aí que agora, con esta actuación, se pretende dotar ao colexio dunha nova pista, cuberta e con todas as melloras necesarias.
O alcalde Telmo Martín agradeceu á Deputación o investimento nunha obra tan necesaria coma esta, " na que estamos cumprindo os prazos e agardamos poder completala cunha segunda fase de peche do perímetro, para o que agardamos contar tamén co apoio da institución provincial, da que sabemos que hai vontade de colaboración".
Pola súa banda o deputado Carlos Font fixo balance dos investimentos da Deputación no Concello de Sanxenxo no que vai de mandato provincial e destacou que ata agora, a través do todas as áreas de goberno, se teñen investido preto de 8 millóns de euros.