A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou na tarde deste sábado a excelencia do porto náutico de Portonovo, en Sanxenxo. Este porto logrou as bandeiras Azul e Q de Calidade Turística.
Quintana realizaba o acto de izado das bandeiras e manifestou que demostran o esforzo que se realizou ao longo dos últimos meses en materia de medio ambiente, de difusión de boas prácticas ambientais e da posta en coñecemento da contorna.
Galicia dispón de 18 portos con bandeira azul e tamén conta con 18 bandeiras Q de Calidade en areais e peiraos. A comunidade autónoma conta este ano con 113 areais con bandeira azul, situándose por detrás da Comunidade Valenciana, que é o territorio que suma máis distincións deste tipo.