As 40 hectáreas que ardían durante a madrugada deste venres en Barro súmanse ás máis de 4.079 hectáreas que se calcinaron durante a última semana na provincia, das que 3.300 constituían monte arborizado e moi produtivos. Por este motivo, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro cos alcaldes e representantes daqueles concellos que foran decretados con nivel 2 con motivo da vaga de incendios e o perigo que existía nestes municipios para casas e cidadáns.
Indicou que na segunda semana de agosto os incendios rexistrados na provincia chegaron a 195, aínda que 147 eran conatos. A todos eles destináronse como mínimo, unha brigada, unha motobomba e, nalgúns casos, un helicóptero. Ángeles Vázquez destacou a axuda por parte dos concellos e de Protección Civil, ademais de apuntar que técnicos e brigadistas incorporáronse en moitas ocasións ao traballo cando se atopaban de días libres.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, onde se queimaron máis de 600 hectáreas reclamaba máis vixilancia nos montes ao entender que os lumes repítense nos mesmos puntos case todos os veráns. Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que será unha medida que se estudará para aumentar o número das cámaras de vixilancia que xa se atopan nos montes e cuxa localización non se fai pública.
A conselleira indicou que o lume é un problema de todos e destacou a necesidade de xestionar as masas forestais. Tras os últimos incendios, Vázquez avanzou que o importante agora é restaurar as zonas queimadas retirando as árbores queimadas e evitando que a masa vexetal desapareza.
En relación coa limpeza dos montes, a máxima responsable de Medio Rural afirmou que non é posible limpar a maleza todos os anos no monte. Estes labores realízanse cada dous anos, apuntou.
Jorge Cubela reclamou unha reflexión por parte dos alcaldes para facer expedientes de oficio naqueles casos das leiras que non se manteñan limpas e con especies invasoras ou eucaliptos preto das vivendas. Lembrou que os concellos poden impoñer multas de mil euros se non se executa a limpeza necesaria. Ademais, convidou os veciños a que colaboren cada vez que se atopen con algún tipo de situación estraña nos montes a que alerten ás autoridades para que se interveña.
Os alcaldes esperan a intervención da Xunta para evitar que un outono chuvioso poida derivar en que a cinza dos montes afectados polos lumes remate nas rías provocando danos nos bancos marisqueiros.