Carmen Pomar, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional visitaba este luns o Centro de Educación Infantil e primaria Plurilingüe A Pedra de Bueu.
A representante da Xunta destacaba neste encontro coa comunidade escolar o traballo que se desenvolve na bilbioteca deste colexio, que lograba en 2014 o Premio Nacional ao Desenvolvemento de Competencias de lectoescritura e Audiovisual.
A biblioteca, ademais, mellorou coas últimas obras realizadas pola administración autonómica coa ampliación da zona destinada ao audiovisual, ao espazo creativo, á radio e ao laboratorio científico. Con estas melloras van realizarse iniciativas como xornadas teatrais.
Carmen Pomar comprobou que a biblioteca forma parte de todas as actividades do centro e serve de apoio ao proceso de ensino e destacou a implicación dos docentes, alumnado e familias no seu funcionamento.
Este espazo conta desde o curso 2007/08 co selo de Biblioteca Escolar Solidaria polo seu traballo na atención á diversidade e a súa loita contra as desigualdades. Conta ademais con actividades como os "recreos de conto" ou os itinerarios lectores.
Á visita acudiron tamén o alcalde Félix Juncal e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.