A conselleira de Economía anuncia na Reigosa solo industrial gratuíto durante os primeiros oito anos para as empresas

Ponte Caldelas
05 de outubro 2024

María Jesús Lorenzana mantivo este sábado un encontro con empresarios do polígono industrial. Aproveitou a visita para anunciar unha medida que empezará a aplicarse a partir do luns en Galicia: as empresas poden solicitar solo industrial en réxime de dereito de superficie a custo cero durante os oito primeiros anos

Encontro de María Jesús Lorenzana con empresarios do polígono empresarial de Ponte Caldelas
Encontro de María Jesús Lorenzana con empresarios do polígono empresarial de Ponte Caldelas /

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo este sábado un encontro con empresarios do polígono industrial de A Reigosa, en Ponte Caldelas. 

Aproveitou a visita para anunciar unha medida que empezará a aplicarse a partir do luns en Galicia: as empresas poden solicitar solo industrial en réxime de dereito de superficie a custo cero durante os oito primeiros anos.

Trátase dun novo concurso público de venda e concesión de dereito de superficie co que a Xunta asegura que cumpre o compromiso de facilitar solo empresarial gratuíto durante os primeiros oito anos con máis de medio millón de metros cadrados á disposición do tecido empresarial.

A Xunta licita, por primeira vez de xeito simultáneo, a posibilidade de adquirir solo empresarial e a concesión do dereito de superficie, polo que todas as parcelas poderán solicitarse en calquera dos dous réximes.

No caso de apostar pola segunda fórmula, o solo empresarial será gratuíto durante os primeiros oito anos e, a partir do noveno, o canon anual a aboar sería do 3,5% do prezo de venda da parcela. Nos casos de adquisición de parcelas, a Xunta tamén promove unha bonificación do 30 ou do 50%.

No caso de concorrer varias solicitudes sobre unha mesma parcela nun mesmo réxime, terán preferencia aqueles proxectos declarados previamente como empresariais singulares por Xestur ou os declarados polo Consello da Xunta como proxectos industriais estratéxicos.

No caso de adquisición, primarase a oferta maior sobre a menor, así como a quen sexa propietario dunha parcela colindante coa solicitada ou no mesmo parque empresarial, sempre que se xustifique a necesidade de ampliación.

As novas bases darán prioridade a aquelas iniciativas que promovan a eficiencia enerxética a través do autoconsumo ou o uso de enerxías renovables, ou se comprometan a formar parte de comunidades enerxéticas.