O Concello de Caldas de Reis iniciou esta semana unha serie de actividades de sensibilización contra a violencia de xénero no ámbito educativo que abren os actos organizados desde a institución municipal con motivo do 25N.
A concelleira de Igualdade e Benestar Social, Inés Fuentes, destacou este mércores que, para o Concello, "é fundamental a prevención" da violencia machista e o fomento da igualdade de oportunidades dende idades moi temperás, ademais de actividades para a poboación en xeral.
Estes días estanse a desenvolver diversos obradoiros nos centros educativos de Caldas, amosando realidades máis plurais, diversas e igualitarias.
O obradoiro 'Hackeando ao machismo', impartido por Priscila Tamara Ramos, está dirixido a mozas de cuarto de ESO e fomenta unha conciencia crítica fronte ao machismo que impregna as nosas vidas de xeitos sutís.
O obradoiro 'Construíndo masculinidades disidentes', impartido por Xosé Cabido, está dirixido a mozos de cuarto de ESO, no que se traballa a construción dun modelo unidimensional de masculinidade, co fin de recoñecer a masculinidade hexemónica como unha fonte de privilexios.
O obradoiro 'Quérote, quérome', impartido por Antía Martínez e Alberto F. Boo, e dirixido ao alumnado de primero ESO, propón a través de diversas dinámicas e xogos a erradicación da violencia de xénero na mocidade a través da asertividade, a escoita activa, a empatía, a responsabilidade afectiva e a aceptación dos límites
Baixo o lema 'Os comportamentos machistas páralos ti', estase a realizar un traballo de sensibilización e educación de homes e mulleres por igual, e analízanse os datos de enquisas anónimas realizadas entre o alumnado nado entre 2005 e 2009, de diversos clubs deportivos de Caldas (Caldas C.F., Acuático Umia, Número Phi e Roli) que serán presentados o próximo día 22 de novembro no Auditorio Municipal.
A concelleira de Cultura, María López, e o alcalde, Juan Manuel Rey, presentaron os materiais editados este ano contra a violencia de xénero na adolescencia, que serán distribuídos nun stand específico o 25N e nas redes sociais.
O domingo 27 de novembro realizarase unha andaina contra a violencia de xénero co Club de Sendeirismo, con saída dende o Paseo Román López.
As inscricións deben realizarse antes do día 25 no teléfono 625482263 e teñen unha cota de 2 euros por participar.