A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos augura unha fin de semana de colapso nas Urxencias de Montecelo

Pontevedra
14 de xullo 2022

A situación nas Urxencias de Montecelo "pinta bastante fea", segundo a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos, que augura unha nova saturación do servizo coincidindo coas celebracións do Carme

Pendente de acceso a Urxencias no Hospital Montecelo
Pendente de acceso a Urxencias no Hospital Montecelo / Mónica Patxot - Arquivo

A situación nas Urxencias de Montecelo "pinta bastante fea", segundo a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), que augura unha nova saturación do servizo coincidindo coas celebracións do Carme.

Segundo a CESM, este xoves 14 de xullo eran 27 os pacientes que en horario de mañá atopábanse en Urxencias do hospital pontevedrés á espera do seu ingreso, estando algúns situados na unidade polivalente e o resto nos corredores.

"Preparámonos para outro repunte moi serio", avisan á vez que denuncian que se volveron pechar funcionalmente camas de Medicina 3, trauma e cirurxía.

A todo iso súmase tamén a delicada situación que se vive no Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda, onde "a presión asistencial e a falta de recursos humanos é a tónica diaria". 

Tal e como explica a confederación a modo de exemplo, durante a xornada do mércores día 13 o PAC pontevedrés contou durante o día con dous médicos en lugar dos tres que deberían estar de quenda, mentres que pola noite contou cun facultativo en lugar de dous.