A concelleira de Seguridade Cidadá do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, volveu a actuar este luns como portavoz do Executivo local para informar os medios de comunicación por videoconferencia dos contidos abordados pola Xunta de Goberno que se reuniu esta mañá para "tratar de manter toda a actividade que é posible e un mínimo de normalidade", comentou.
Así, entre os contidos abordados na orde do día destaca a toma de coñecemento da "imposibilidade de execución" do contrato no Complexo deportivo (piscina municipal) de Campolongo por mor da actual crise sanitaria debida á epidemia do coronavirus.
No Real Decreto-lei que activa o Estado de Alarma contémplase para estas situacións que a Administración local para combater os prexuízos causados polo peche dará dereito ao concesionario ao restablecemento do equilibrio económico do contrato mediante, segundo proceda en cada caso, a ampliación da súa duración inicial ata un máximo dun 15% ou mediante a modificación das cláusulas de contido económico incluídas no contrato.
O que está a solicitar neste momento a empresa Be One Serviocio é que o Concello recoñeza expresamente o que, por desgraza, sucedeu: a imposibilidade de execución temporal do contrato.
Cando se recupere a normalidade será o momento no que a empresa concesionaria poderá cuantificar e acreditar os danos e prexuízos efectivamente sufridos, os ingresos deixados de percibir nese período e o incremento dos custos soportados, e procederá entón á súa oportuna xustificación e reclamación, co obxecto de restablecer o equilibrio económico do contrato.