Máis de 3.000 motos volveron darse cita na Concentración Moteira de Ponte Caldelas, que este ano acadou a súa quinta edición consolidado como un dos eventos destas características máis multitudinario de Galicia.
O Concello de Ponte Caldelas destacou que o día asollado e cunha excelente temperatura axudou ao poder de convocatoria dunha cita xa de por si atractiva que logrou que este sábado se xuntaran na vila unhas 10.000 persoas, segundo os cálculos da Policía Local.
Este aluvión de visitantes, segundo o Concello, deixouse notar especialmente na hostalería local, que rexistrou unha xornada de intensa actividade.
A novidade deste ano foi a utilización da Alameda e da praza de España como recinto da festa. Todo o espazo quedou completamente ateigado de motos e os últimos en chegar tiveron que buscar sitio pola avenida de Vigo, a praza do Bispo e calquera rúa do centro urbano de Ponte Caldelas.
O evento contou coa exhibición da Escola de Pilotos Lorenzo e a actuación do vigués Roberto Rodríguez, coroado tres veces como "o home máis forte do mundo".
O ambiente prolongouse durante a tarde cunha master class de zumba e a festa chegou ata primeiras horas da noite con actuacións musicais e entrega de premios aos asistentes.