A Concellaría de Patrimonio Histórico que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, iniciará proximamente traballos de restauración do Cruceiro das cinco rúas situado no casco histórico da cidade para retirar os restos do último acto vandálico sufrido por esta peza. Esta actuación está enmarcada dentro da liña de traballo da Concellaría de atención, recuperación e posta en valor destes elementos escultóricos de inestimable valor artístico como xa se realizou no adro da igrexa de Mourente, ou se fará, en breve, co Cruceiro de Casas Novas, tamén en Mourente.
O Cruceiro das cinco rúas data do século XVIII e está ornamentado con varias esculturas que se estenden polo fuste, capitel e cruz. O pasado verán sufriu un ataque de vandalismo, consistente na pintada duns graffitis realizados con rotulador azul, nas figuras de Adán e Eva e de dúas ánimas do Purgatorio que decoran a vara.
Dada a importancia artística do cruceiro e a localización nunha zona do casco vello moi turística, a Concellaría de Patrimonio Histórico foi consciente da necesidade de realizar unha intervención mínima que eliminase os graffitis, procurando sempre conservar a pátina da pedra, feito polo que encargou a restauración á empresa BIC Materiales y conservación.
O tratamento de restauración que se propón no proxecto irá encamiñado, fundamentalmente, á limpeza das pintadas. O proceso comezou coa toma de documentación fotográfica necesaria, e neste momento agarda a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Para a súa restauración realizaranse probas previas con diversos disolventes, comezando polos máis inocuos, para elixir o máis axeitado e que non altere a pátina da pedra.
O método de aplicación será mediante compresas de polpa de papel, cubríndoas cun filme transparente para evitar a evaporación rápida, e deixando actuar o disolvente ata abrandar a pintura, controlando moi ben o tempo de traballo, de xeito que esta poda retirarse despois con algodón ou cepillando con pinceis e, puntualmente, con bisturí ata a súa completa eliminación.
Unha vez rematados os traballos, redactarase a correspondente memoria que se entregará no Concello e na Dirección Xeral de Patrimonio Cultura da Xunta de Galicia.