A concelleira de Patrimonio, Marga Caldas, supervisou os traballos que se están a levar a cabo no Casco Histórico de Combarro. O Concello de Poio impulsa un proxecto, cun orzamento superior aos 50.000 euros, para proceder á realización de tarefas encamiñadas a embelecer e mellorar a estética desta emblemática contorna, ao tempo que tamén se reforza o respecto polos inmobles, edificacións e elementos arquitectónicos existentes nesta zona.
As primeiras actuacións estanse a centrar na retirada do plástico das baixantes, así como de cableado.
Sen embargo, esta non será a única tarefa a realizar, segundo recordou a concelleira do Goberno municipal, xa que nas vindeiras semanas tamén está prevista a substitución de diferentes luminarias por puntos led, o que "sen dúbida redundará nun mellor servizo de alumeado, ao tempo que acadamos un maior aforro enerxético".
Á maiores destas actuacións, Marga Caldas tamén recorda que os operarios do Concello pasan revista de xeito constante ao núcleo, por se fose precisa a reparación o substitución do mobiliario.
Con respecto ao proxecto, o investimento achégase a través do Programa de Rehabilitación Integral (ARI).
Estas correccións en favor da contorna estanse levando a cabo logo seguindo as directrices do estudo previo que se levou a cabo durante o outono. Marga Caldas salienta que "o Casco Histórico de Combarro é un dos grandes emblemas do Concello, que representa a tradición da nosa vila co mar e coa nosa cultura e debemos seguir traballando na súa posta en valor e recuperación, tendo en conta tamén as necesidades das persoas que residen nel".
Outra actuación que tamén se está a desenvolver nestas datas é a rehabilitación da fonte da Praza, situada en pleno centro do Casco Histórico de Combarro. Este elemento sufrira importantes danos hai uns meses, logo de recibir un golpe de xeito fortuíto por parte dun vehículo. A actuación incluirá a dotación dunha réplica da placa orixinal en mármore branco. Os traballos quedarán listos en canto as condicións meteorolóxicas así o permitan.