O CEIP de Ponte Sampaio celebra o Entroido cun amplo programa de actividades que se iniciaba este venres coa degustación de doces típicos desta época do ano, que finalizaba co festival de Entroido no que participaron as familias, o profesorado e o alumnado do centro.
O festival comezaba cun pregón de benvida, seguido por un desfile cos disfraces de todos os escolares. A continuación desenvolvíase o xuízo e o testamento do meco Don Inocencio, que serviu de preámbulo á tradicional "corrida do galo" por parte do alumnado de Educación Infantil.
Ao longo da semana a mascota da biblioteca escolar xa ía animando a toda a comunidade para esta festa reclamando algo significativa cada día. O vindeiro 11 de marzo rematarán as celebracións co enterro da Sardiña. Toda esta programación é promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.