A comunidade educativa volve envorcarse pola paz e contra a violencia

Pontevedra
31 de xaneiro 2023

No CEIP de Ponte Sampaio, recrearon un xigante e branco símbolo da paz entre todo o profesorado e alumnado, no CEIP de Marcón elaboraron un mural móbil cos seus desexos de paz  e no CEIP Plurilingüe de Carballedo sumáronse á iniciativa  #PontevedraCorreXGuinea con 150 zapatillas deportivas

Día da Paz no CEIP de Marcón
Día da Paz no CEIP de Marcón / CEIP de Marcón

A comunidade educativa de toda a comarca sumouse este luns 30 de xaneiro á conmemoración do o Día Internacional da Paz e da Non Violencia, con actos nos que o alumnado e o profesorado reafirmaron o seu compromiso cunha sociedade máis pacífica.

Un dos actos máis vistosos organizouse no CEIP de Ponte Sampaio, en Pontevedra. Ademais de ler un manifesto pola Paz, interpretouse un baile ao ritmo da canción 'Tal Vez”'de Nil Moliner e rematouse por recrear un xigante e branco símbolo da paz entre todo o profesorado e alumnado.

No CEIP de Marcón, en Pontevedra a celebración contou coa axuda e colaboración da Asociación de Pais e Nais de Alumnos/as para camiñar a prol da paz e da cooperación. O colexio encheuse de valores como o amor, a solidariedade e o esforzo conseguindo todos xuntos unha xornada da que o centro destaca que "regalou á comunidade educativa luz e esperanza" e na que todo rematou cunha chocolatada.

O alumnado de sexto de primaria leu un manifesto a prol da paz, o alumando de terceiro interpretou o conto 'A máscara do León' coa técnica do teatro de sombras, no patio do colexio interpretaron todos xuntos 'Tal vez' de Nil Moliner, fixeron unha danza colectiva do 'xogo da carrasquiña', entre todos elaboraron un mural móbil cos seus desexos de paz no que cada alumno debuxou e escribiu un desexo de paz nunha gota de auga que despois colgaron nuns paraugas na entrada. 

No CEIP Plurilingüe de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, o alumnado levaba semanas traballando na recollida de zapatillas deportivas para enviar a un colexio de Guinea Bissau, en colaboración coa iniciativa posta en marcha por Álvaro Rodiño e Alberto Veiga coñecida como #PontevedraCorreXGuinea

Conseguiron xuntar ao redor de 150 zapatillas deportivas que serán utilizadas por alumnos da súa mesma idade pero noutro continente. Tendo en conta que o centro conta con algo máis de 70 alumnos e alumnas, cualifican a iniciativa de "éxito total". Este luns 30 de xaneiro, os impulsores da iniciativa foron invitados ao centro.