A Comunidade de Montes de Viascón ven de presentar alegacións contra o proxecto eólico dos Cotos tendo en conta que unha parte da superficie forestal da parroquia vese afectada "pola sobredimensionada poligonal do proxecto eólico e por diversas afeccións de índole natural, gandeira, paisaxística, hídrica e moitas outras que lle causarían problemas relevantes á veciñanza".
Un dos seis xeradores se situaría, segundo o proxecto, moi próximo ás instalacións gandeiras, propiedade desta Comunidade de Montes, que están cedidas a unha empresa local moi coñecida pola produción de vacún ecolóxico.
Para o presidente da Comunidade de Montes de Viascón, Ernesto Filgueira, a instalación deste polígono vai supor "unha acción moi negativa para a calidade de vida da veciñanza, para a tranquilidade habitual da parroquia e un factor negativo para o futuro das empresas e dos proxectos de ecoturismo polos que leva traballando esta comunidade de montes".
Para Filgueira, o futuro dos montes de Viascón pasa pola reordenación forestal e por poñer en valor os recursos propios dos mesmos, potenciar os sendeiros verdes, diversificar os usos do monte, seguir potenciando proxecto agrogandeiros, "pero en ningún caso pasa por convertir a superficie forestal de Viascón nunha parte máis, defragmentada, do mega parque empresarial eólico que cerne sobre o conxunto do concello e da bisbarra".
Os aspectos máis destacados dos 22 puntos que artellan o conxunto da alegación atópanse a denuncia de varios artigos da avaliación ambiental do proxecto que incumpren a lexislación vixente nesta materia, que se trata dunha zona afectada polos incendios de 2017 polo que segundo a Lei 7/2012 de montes de Galica queda prohibido a recalificación do uso do solo forestal afectado, nin se xustifica a declaración por parte da Xunta de Proxecto de Intere Autonómico nin a declaración de proxecto como iniciativa empresarial prioritaria.
O parque dos Cotos ten unha poligonal de centos de hectáreas que afectan á Comunidade de Viascón é tamén ás parroquias de Carballedo, Rebordelo, Loureiro, Borela e Augasantas (concello de Cerdedo-Cotobade). Ten unha potencia total de 30 MW, con 6 aeroxeradores de 5 MW, e unha altura total duns 200 m sumando a envergadura do fuste e das aspas. Ademais, inclúe a construción dunha subestación, unha liña de media tensión, e grandes explanacións do terreo para o acceso e construción do parque. A maiores, prevese a construción dunha liña de alta tensión através dos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra até a subestación eléctrica de Ponte Sampaio.
Para estes comuneiros "trátase a todas luces dun proxecto aberrante polas súas dimensións e polo xeito de tramitación, de costas ás comunidades locais e á veciñanza das zonas afectadas".