A Comunidade de Montes de Mourente celebra o seu 25 aniversario cunha festa no monte do Castro

Pontevedra
28 de xuño 2019

A Comunidade de Montes de Mourente tamén quere darlle a esta celebración un carácter reivindicativo en defensa do Carballo de Santa Margarida

Traballos de conservación do carballo de Santa Margarida
Traballos de conservación do carballo de Santa Margarida / Mónica Patxot

O vindeiro domingo día 30 a Comunidade de Montes de Mourente celebrará o 25 aniversario do seu nacemento cunha festa que comezará ás 12 da mañá cun roteiro polo Monte do Castro, continuará cun xantar de irmandade para comuneiros e familiares no antigo campo de fútbol e finalizará coa actuación do grupo folk Os Alegres de Mourente.

O roteiro comezará no cruceiro do Castro e durante unha hora fará un percorrido polas instalacións da antiga emisora de Radio Pontevedra, hoxe en situación de desescombro para a súa restauración, a plantación de castiñeiros achegada ao Depósito de Augas e os restos do Castro de Mourente.

Ao xantar de irmandade asistirán máis de 200 persoas entre comuneiros e familiares. Na sobremesa o presidente intervirá para facer un balance da traxectoria da Comunidade desde aquel 15 de maio de 1994 en que se constituíu legalmente nunha asemblea celebrada na Sociedade Cultural de Mourente. De remate, dará comezo a actuación do grupo folclórico Os Alegres de Mourente.

CARÁCTER REIVINDICATIVO

Ademais de facer un percorrido polos seus 25 anos de historia, a Comunidade de Montes de Mourente quere darlle a esta celebración un carácter reivindicativo en defensa do Carballo de Santa Margarida, polo que repartirá a todos os asistentes unhas chapas co debuxo do carballo (logotipo da propia Comunidade de Mourente) co lema xa empregado en anteriores mobilizacións: Salvemos o Carballo!.

Entende a Comunidade que a actuación de todas as partes que teñen competencias no seu coidado e conservación (Consellería de Medio Ambiente, Consellería de Medio Rural, Bispado de Santiago e Concello) "segue a ser moi deficiente e a árbore emblemática segue a estar abandonada e o tráfico segue a prexudicalo día a día".

Mentres o Concello fixo unha actuación de urxencia por motivos de seguridade, a Consellería de Medio Ambiente, a quen a lei encomenda a vixilancia das árbores senlleiras e unha función tutelar para obrigar ao propietario (neste caso o Bispado de Santiago) a coidar e atender o Carballo, "é a que mais claramente está incumprindo a lei". Despois de ter encargado un estudo sobre o seu estado de conservación aos expertos (que confirmaron o diagnóstico xa feito pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro), a Comunidade de Montes de Mourente considera que xa chegou a hora dunha actuación coordinada e integral sobre o Carballo e a súa contorna, "sen máis dilacións nin escusas".

Reafírmase na proposta de creación dun Padroado para o seu coidado e protección, e non descarta novas mobilizacións para reclamar da Xunta de Galicia que cumpra a Lei.