A compravenda ilegal de vehículos de alta gama, no punto de mira dunha operación internacional que chega a Pontevedra

Pontevedra
15 de novembro 2022
Actualizado: 18:08

Segundo puido saber PontevedraViva, hai 20 detidos, dos que 17 son en Portugal e 3 en España. En Pontevedra hai un. Conforman unha rede internacional que operaba tanto en España como en Portugal. Adquirían os vehículos por renting ou os roubaban en Portugal, falsificaban a documentación e vendíano con aparencia de legalidade 

Operación policial contra a compravenda ilegal de vehículos / Mónica Patxot

Decenas de policías realizaron este martes rexistros simultáneos en polo menos unha vivenda e un taller de reparación e compravenda de vehículos de Pontevedra no marco dunha operación de proxección internacional centrada na suposta compra ilegal de vehículos de alta gama. 

A operación, que chamou a atención polo amplo despregamento de medios empregados, salpica a Pontevedra, pero tamén as localidades de Verín e Ourense e, sobre todo, a Portugal, epicentro da investigación

En total, segundo puido saber PontevedraViva, hai 20 detidos, dos que 17 son en Portugal e 3 en España. En Pontevedra hai un, un mozo pontevedrés residente na rúa Mestre Soutullo do barrio de O Castañal que é, á súa vez, responsable de Talleres Antonio Pintos na avenida de Montecelo.

Os 20 detidos conforman unha rede internacional que operaba tanto en España como en Portugal. En Portugal tiñan dúas formas de operar para adquirir os coches, nalgúns casos roubábanos e noutros os adquirían por renting, pero logo, pasábanos a España e, usando identidades falsas e simulacións de operacións de renting, acababan vendéndoos a terceiras persoas dándolle aparencia de legalidade. 

En Pontevedra e Ourense non os roubaban, senón que aquí realizábanse operacións de renting. Adquirían os coches por renting, logo, usando identidades falsas e empresas intermedias, falsificábanlles a documentación e acabábanos vendendo a compradores de boa fe. En ocasións, vendíamos por renting e outras veces directamente a terceiros.

Son sempre vehículos de alta gama, fundamentalmente das marcas BMW e Mercedes, aínda que tamén algún Audi.  

En Pontevedra, Verín e Ourense realizáronse oito rexistros, dos que cinco foron na cidade do Lérez. Tan só transcenderon onde ocorreron dous deles. 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou este martes, durante unha comparecencia en Pontevedra, a forma de operar desta rede e tamén que a investigación continua "aberta" e perséguese a estes 20 detidos polos delitos de falsidade documental e tráfico ilícito de vehículos.

Ademais, aproveitou para facer unha chamada á tranquilidade dos compradores de vehículos nos talleres afectados, pois vaise a realizar unha investigación exhaustiva de toda a documentación. 

O detido en Pontevedra foi arrestado na súa vivenda, onde se realizou un minucioso rexistro entre as 7.00 e pasadas as 11.30 horas deste martes, e logo trasladado ata o taller. No establecemento, os axentes levaban tamén desde as sete da mañá e o rexistro prolongouse ata pasadas as tres da tarde en presenza do detido. 

O amplo operativo policial implica a varias unidades especializadas da Policía Nacional, que realizaron a investigación e os rexistros en colaboración coa Policía Judiciaria Portuguesa e a Policía Local de Pontevedra.

En concreto, lidérano a Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) e o Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (GRECO), pero este martes tamén se despregaron en Pontevedra a unidade canina con dous cans adestrados na detección de diñeiro, o Grupo Operativo de Intervencións Técnicas (GOIT) e a Unidade de Prevención e Reacción (UPR), que se trasladaron desde outras provincias. Tamén se desprazou ata a cidade un helicóptero policial. 

Así mesmo, a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Policía Nacional colaborou na realización dun rexistro en Ourense. 

O rexistro máis rechamante foi o realizado en Talleres Antonio Pintos, onde os empregados xa non puideron chegar a traballar este martes porque, á hora de inicio da xornada laboral, o establecemento xa estaba precintado e os policías rexistraban o seu interior. 

Durante toda a mañá, as policías Local e Nacional realizaron un minucioso rexistro de todos os vehículos do taller e tamén de cuantiosa documentación e, ao termo, levaron requisado a instalacións da Policía Local un Mercedes. 

***Aínda que nun primeiro momento informouse por erro de que se trataba dunha operación antidroga, non ten que ver con este delito.