A compostaxe comunitaria increméntase un 25% en Poio ata as 80 toneladas anuais de residuos orgánicos

Poio
03 de xaneiro 2023

Xeráronse 34 toneladas de compost, que foi repartido entre ao redor de 300 usuarios e usuarias para o seu uso en cultivos, parcelas, plantas e macetas

Composteiro comunitario de Ferreirós
Composteiro comunitario de Ferreirós / Concello de Poio

Os centros comunitarios de compostaxe operativos da parroquia de San Salvador, en Poio, pecharon o ano 2022 cun balance moi positivo, ao incrementarse as cifras de residuos orgñanicos tratados nun 25%.

Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos, Julio Casás, o seu funcionamento foi "sobresaliente" ao tratar ao longo de todo o ano ata 80 toneladas de restos orgánicos. Delas preto de 55 corresponden a fracción orgánica de residuos municipais (que proveñen das achegas dos veciños) e uns 25 de fracción vexetal. Así se recolle na memoria anual elabortada pola mestra composteira ao mando do servizo.

Os composteiros comunitarios de Poio instaláronse a finais de 2020 na contorna do parque Rosalía de Castro, en Ferreirós, ampliándose despois a Valiña e Río Miño.

Ademais está previsto que nas próximas semanas empecen a funcionar outros dous novos composteiros comunitarios, situados na contorna do parque de Ánkar e nas proximidades do Casal de Ferreirós. A instalacións destes dous últimos recipientes leva a cabo ao amparo da achega de 80.000 euros, de fondos europeos, xestionados ante a Xunta de Galicia, que tamén contempla outras actuacións comoa a adquisición de dez biotrituradoras.

Esta boa acollida compostaxe reflíctese á súa vez no incremento do compost resultante, estimado na súa totalidade en 34 toneladas. Grazas a iso repartíronse 692 sacos entre a veciñanza, de maneira gratuíta, para utilizar en viñedos e outros cultivos de gran extensión, aos que hai que sumar outros máis pequenos, de 1 quilo de peso, para utilizar en macetas e plantas.

"Ás toneladas dos comunitarios temos que sumar todos os biorresiduos xestionados e que se deixan de recoller, transportar e tratar en Sogama", afirmou o edil facendo balance pero consciente de que "aínda queda por facer, pero estamos no camiño correcto para cumprir coas directrices que establecen as novas normativas neste eido de cara ao futuro inmediato".